Contido principal

Accesibilidade no medio físico urbano

 

A xornada formativa “Accesibilidade no medio físico urbano e Plan de Accesibilidade” tivo lugar en dúas sesións desenvoltas o pasado venres 14 de decembro na sala Juanjo Gallo do Pazo Provincial da Deputación da Coruña.

Nesta ocasión, acompañáronnos os tres arquitectos de Combina Social: Alejandro Rodríguez, Diego Piñeiro e Belén Vaz. Trala introdución inicial na que se recordou que na vindeira semana se realizará a última xornada formativa, comezouse coa explicación. Belén recalcou que a accesibilidade no medio físico urbano é a característica do urbanismo que permite a calquera persoa  a libre utilización do espazo público urbano con independencia da súa condición física, psíquica ou sensorial.

 

Xornada Formativa 4

 

Tras isto e a través da súa experiencia laboral como arquitectos e como técnicos traballando na área de Accesibilidade de Combina Social, tanto Diego, arquitecto que traballou en obras de Patrimonio e con máis de 3 anos de experiencia en Plans de Accesibilidade e intervención en accesibiidade, como Alejandro, arquitecto urbanista colaborador na Redacción de Plans de Accesibilidade e intervención en edificios accesibles con Combina Social, abordaron a normativa dende a súa aplicación. A intencionalidade era explicar o porqué das cousas máis aló das dimensións que calquera persoa pode atopar nos documentos lexislativos. Por iso, apoiáronse en exemplos e boas prácticas en prazas de aparcamento, itinerarios peonís, elementos de urbanización, desniveis, cruces ou mobiliario urbano.

 

Accesibilidade no Medio Físico Urbano

 

Finalmente, se todo isto se ten en conta e se leva a cabo de maneira correcta pode dar pé a creación de Plans de Accesibilidade Municipais. O Plan é unha ferramenta política e técnica, a nivel municipal que pretende mellorar a accesibilidade universal contribuíndo a unha maior calidade de vida de toda a poboación, que reside ou que visita un entorno, con o estudo das barreiras e obstáculos que  dificultan ou impiden unha correcta mobilidade, as súas posibles solucións, a priorización das actuacións e o establecemento dun plan de etapas que faga posible unha mellora progresiva da accesibilidade nos espazos públicos urbanos.

Ata a data, esta resultou ser a xornada con unha maior asistencia en ambas as dúas sesións. Sen embargo, non hai que esquecer que de pouco vale que a cidade sexa accesible se as persoas non o son.