Contido principal

Primeira Xornada de Formación

Este venres 16 de novembro tivo lugar a primeira das xornadas formativas de accesibilidade da Deputación da Coruña. Baixo o nome de “Accesibilidade Universal” pretendíase abordar de maneira transversal a repercusión que esta ten no día a día de calquera persoa.

Isto explícase porque a accesibilidade baséase na igualdade: “para afirmar a igualdade hai que entender, primeiro, que todas as persoas somos diferentes e que a diversidade é parte da vida” (Óscar Moral). Daquela, a mensaxe é que a Accesibilidade Universal é a condición que deben cumprir as contornas, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos, instrumentos, ferramentas e dispositivos, para ser comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible.”

A xornada comezou coa presentación por parte da coordinadora do programa, Belén Vaz, do programa aos concellos da Deputación, que en anteriores fases non asistiran, ofrecéndolles a oportunidade de formarse nas vindeiras xornadas en materia de accesibilidade para a mellora dos seus municipios. Para rematar, presentábase a poñente: Luisa Miranda (técnica de Accesibilidade en Combina Social, con Postgrado en Accesibilidade e Deseño para Todos pola UIC).

 

Asistentes na Sala Juanjo gallo no transcurso da Primeira Xornada de formación.

 

Con todo, Luisa abordou a Accesibilidade Universal e o Deseño Universal a través da súa aplicación, produtos de apoio, transporte, documentación e finalmente fixo referencia á lexislación vixente.

A xornada, dividida en dúas sesións (ás 10 e 12h) contou cunha asistencia en torno a corenta persoas da Deputación Provincial da Coruña e traballadores e traballadoras de concellos como foron A Baña, Narón, Cambre, Ribeira, Ferrol, Aranga, Curtis, Carballo, Abegondo, Tordoia, Cerceda ou Pontedeume.

Como conclusión, a intención era trasladar a través de diferentes ferramentas a idea de que se faverecemos, deseñamos e creamos un contexto accesible, estaremos creando capacidades e minimizando discapacidades.