Contido principal

A Deputación da Coruña a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deporte, leva a cabo un Programa de Fomento da Accesibilidade na Deputación Provincial de A Coruña. A finalidade é achegar o programa a todas as áreas e actuacións desenvolvidas por parte da Deputación Provincial da Coruña.

Este estudo aborda todos os tipos de accesibilidade (física, cognitiva e sensorial) co obxectivo de detectar as necesidades que ten a institución provincial e adoptar as medidas precisas que axuden a superar a situación de desigualdade.

Para acadar a Accesibilidade Universal, será de aplicación a normativa técnica UNE 170001 de accesibilidade universal segundo os criterios DALCO, que ten en conta a Deambulación (acción de desprazarse), Aprehensión (acción de asir ou tomar algunha cousa), Localización (identificación dun lugar ou momento onde sucede algo) e Comunicación (permitir o intercambio de información); aspectos que repercuten nas capacidades utilizadas nas actividades realizadas en diferentes espazos e contornas.

Tendo en conta estes criterios e que a accesibilidade é exixible en todos os ámbitos sen importar se o titular é un ente público, privado ou particular; preséntanse cinco áreas de vital importancia nas que aplicar a accesibilidade:

  • Accesibilidade no medio físico urbano
  • Accesibilidade na edificación
  • Accesibilidade na información e comunicación
  • Accesibilidade nos procesos de xestión
  • Accesibilidade no transporte

A desenvolver en varias fases, o programa consiste en analizar, valorar, informar-formar e proporcionar as ferramentas necesarias para a incorporación de criterios de accesibilidade universal nos diferentes departamentos da Deputación. Logo, trátase de proxectar e entender contornas, procesos, actividades, bens, produtos, servizos, obxectos, instrumentos, ferramentas e dispositivos de xeito que poidan ser utilizados por todas as persoas, independentemente do seu xénero, idade, capacidades ou cultura. Este proceso realizarase procurando a maior autonomía posible da persoa.

Para chegar a isto, a sociedade no seu conxunto ten a súa responsabilidade e, especialmente, os poderes públicos no seu labor por modificar contornas de modo que poidan ser utilizadas en igualdade de condicións por toda a cidadanía.

Na actualidade, e segundo diferentes estudos realizados pola OMS durante estes anos, a esperanza de vida aumentou e, por tanto, vivimos nunha sociedade que tende ao envellecemento. A propósito disto e do comentado con anterioridade, Yanis Vardakastanis, Presidente do Foro Europeo de Persoas con Discapacidade, ve a falta de accesibilidade como unha forma moi sutil de discriminación. A pesar da existencia de diferentes documentos lexislativos e a relevancia que cobraron dende o 4 de decembro de 2017, vulnéranse de facto estes dereitos humanos, impedindo por completo o exercicio por parte de todas as persoas. Por tanto, un primeiro paso, é chegar a unha Coruña máis accesible a través de Di Coruña Accesible.