Contido principal

Sumario Formativo e avances na accesibilidade

O programa de fomento da accesibilidade “Di Coruña accesible”, promovido pola área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña, rematou recentemente as xornadas de formación nas que participou persoal da institución e dos concellos.
Dende o mes de novembro ata o mes de xaneiro tiveron lugar 5 xornadas de formación nas que membros do equipo de traballo de Combina Social, adxudicataria do proxecto e empresa participada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), foron os responsábeis de impartir as accións vinculadas á accesibilidade universal, a comunicación inclusiva, ao trato, ao medio urbano e plans de accesibilidade e á edificación e ergonomía laboral.
A través da primeira xornada, de Accesibilidade Universal, concretouse que esta está vencellada ás contornas, procesos, bens produtos, servizos, obxectos, instrumentos, programas, dispositivos e ferramentas para poder ser utilizados por todas as persoas.

Coa segunda xornada, de Comunicación Inclusiva, trasladáronse modelos de trato con persoas con diferentes características para a mellora da súa comunicación cos demais.

Na terceira xornada abordouse a Comunicación como ferramenta de Marketing Inclusivo onde a mensaxe e as políticas dirixidas a un cliente con diferentes capacidades melloraban a imaxe da Administración, ao satisfacer as necesidades do usuario diverso.

 

Xornada Formativa 3 no Interior da Sala Juanjo Gallo da Deputación

 

Na cuarta xornada desenvolveuse a Accesibilidade no Medio Físico Urbano e a creación de Plans de Accesibilidade urbana como ferramenta política e técnica que mellore a calidade de vida de toda a poboación.

Finalmente, a derradeira xornada vencellouse á Edificación e, con isto, a accesibilidade necesaria nos seus espazos a través dun deseño físico, cognitivo e sensorial; a intervención en edificios protexidos e a ergonomía laboral.

 

 

Tras finalizar o programa Belén Vaz, coordinadora do Programa e de Equipo, destacou a “participación das persoas asistentes ás xornadas, onde a maioría se mantivo fiel dende a primeira ata a última xornada, mostrando interese pola accesibilidade en todos os seus eidos e non só na parte que lle resultaba competencia” xa que como tamén comenta Ana Tomé, community manager do Programa de Di Coruña Accesible “ (a formación) creou un alto nivel de empatía e sensibilidade cara o colectivo de persoas con discapacidade”.
O Plan de fomento da accesibilidade na Deputación Provincial leva executándose dende o pasado mes de febreiro de 2018 e no programa de actuacións realizáronse auditorías a todos os edificios e equipamentos da institución xunto con 5 sesións de sensibilización e participación para o persoal. Nos vindeiros meses desenvolverase a fase final do proxecto, onde se establecerán pautas de intervención na mellora da accesibilidade na Deputación a través dos resultados obtidos durante estes meses e se facilitarán ferramentas para a execución da correcta accesibilidade (física, cognitiva e sensorial) nas diferentes áreas de Deputación Provincial segundo as áreas de accesibilidade establecidas.